O tenente de alcalde, Santi Domínguez subliñou este venres que, por segundo ano consecutivo Vigo terá "unha programación de Nadal insuperable e para todos os públicos", que comeza hoxe co encendido do alumeado. Na presentación das actividades que terán lugar na cidade con motivo destas festas, na que tamén participou o concelleiro de Cultura, Xesus López, salientaron como pratos fortes a Carpa Máxica do Carteiro Real "A aventura de ler", que estará ubicada na lonxa da casa do Concello, a pista de xeo, que se instalará en Castrelos, os ciclos de concertos de bandas e corais e o concerto de Nadal, e Vigolandia, que se celebrará no IFEVI.
"Por segundo ano consecutivo, na programación de Nadal aparece a Ría, que o marca todo como noutros lugares marca a neve", salientou Santi Domínguez. O tenente de alcalde indicou que o momento no que se inician as actividades navideñas corresponde co encendido do alumeado, que terá lugar hoxe ás 18 horas. "A desgraza é que este ano o iniciamos cunha nena no hospital", indicou o tenente de alcalde en referenza á rapaza de tres meses ferida na rúa de Príncipe, quen sinalou que a súa petición aos Reis Magos é "que se recupere". "Queremos encher a Ría de sons e ilusións e creo que conseguimos reunir un programa de actividades insuperable no que todos os públicos teñen cabida", salientou respecto á programación, polo que felicitou ao concelleiro de Cultura e ao seu equipo polo traballo desenvolvido para ofrecelo.
Fuente: Ayuntamiento de Vigo
|