O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que proporá ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e á responsable do grupo municipal do Partido Popular, Corina Porro, a elaboración conxunta dun decálogo coas principais reivindicacións para a cidade. Santi Domínguez así o expresou nun almorzo mantido con xornalistas no que fixo un balance do pasado exercicio e mencionou algún dos obxectivos que a Tenencia de Alcaldía e as concellerías do BNG queren acadar ao longo deste 2009.
"Non creo que sexa tan difícil que os tres representantes das forzas políticas viguesas nos sentemos a concretar os puntos do decálogo de reinvindicacións fundamentais para a cidade", sinalou o tenente de alcalde, quen salientou que sería un "feito histórico demostrar a coherencia e responsabilidade dos máximos representantes políticos de Vigo". Ao respecto, Santi Domínguez indicou que tanto Abel Caballero como Corina Porro recibirán por escrito esta proposta. "Non me parece tan difícíl que nos puxéramos dacordo nestes puntos", indicou.
O tenente de alcalde quixo subliñar na súa intervención a aportación do BNG ao goberno municipal. "Sempre respectamos o conxunto deste goberno e seguiremos actuando con lealtade absoluta e colaboración total coas persoas que forman parte del", subliñou. Neste sentido matizou que o Bloque Nacionalista Galego "seguirá mantendo o seu propio criterio aínda que discrepe co socio de goberno". Lembrou que neste ano, tras as eleccións autonómicas, chegarase a metade da lexislatura, polo que ao seu xuízo será preciso que todo o goberno se sente "para reflexionar sobre como se está a desenvolver o pacto de goberno porque sempre hai resortes que se poden mellorar".
Fuente: Ayuntamiento de Vigo
|