Na visita ás obras de construción destas novas instalacións, o tenente de alcalde lembrou que o anterior goberno da Xunta fixo, a través da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar, un investimento de 2.700.000 euros para levar a cabo esta actuación. "Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social o BNG sempre prestará atención a estas persoas para acadar o obxectivo da igualdade de oportunidades", salientou Santi Domínguez, tras a visita, na que tamén participaron a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o director de Alento, Gonzalo Mira. O tenente de alcalde explicou que as persoas con parálise cerebral necesitan ter "centros como este de atención permanente e no que se realicen diversas actividades para proporcionar respiro ás familias. O presidente de Alento, Gonzalo Mira, destacou que a construción destas novas dotacións é posible pola "suma de esforzos" das distintas administracións. Neste sentido lembrou que a parcela na que se están construíndo os centros foi cedida para o seu uso durante 75 anos polo Concello de Vigo. Sinalou que segundo as previsións as obras estarán rematadas entre 12 e 14 meses. Respecto ao centro de día indicou que terá entre 70 e 80 prazas, mentres que a residencia contará con 50 prazas de atención permanente e 15 para proporcionar os respiros familiares. Santi Domínguez expresou os seus parabéns á asociación Alento e asegurou que sen o traballo de entidades como esta as administración públicas non serían capaces de atender a todas as persoas con discapacidades. "Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social seguiremos moi atentos ás necesidades para prestarlles toda a nosa axuda", afirmou.
Fuente: Ayuntamiento de Vigo
|