O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, definiu este venres as liñas de traballo que vai desenvolver nos vindeiros meses co obxectivo de mellorar a posición do aeroporto de Peinador e incrementar o seu número de pasaxeiros. Santi Domínguez fixo unha análise da situación do aeroporto vigués. Ao seu xuízo, a causa da caída de pasaxeiros hai que buscala por unha banda na conxuntura económica actual, que provoca que as compañías aéreas sexan "pouco proclives" a iniciar novas rutas mentres non acaden a estabilidade nos vóos xa existentes. Neste sentido apuntou que Peinador "ten o luxo" de ter xa consolidada a liña de Air France a París, mentres que outras foron implantadas máis tarde que nos outros aeroportos galegos, como é o caso da conexión con Londres, sen esquecer a forte competencia que se establece co aeroporto internacional Sá Carneiro. Para atallar esta situación, o tenente de alcalde sinalou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo impulsarán as negociaciós directas con todas as compañías que operan en Peinador, así como con outras que é factible que o fagan, "recuperando a interlocución directa con cada unha delas".
Fuente: Ayuntamiento de Vigo
|