A concelleira de Benestar Social, María Méndez, subliñou este martes que "priorizar as áreas que inciden en paliar as consecuencias da crise económica" foi o principal criterio da elaboración dos orzamentos do seu departamento para o exercicio do 2009. Benestar Social contará con preto de 6 millóns de euros, centrados fundamentalmente no incremento dos servizos destinados ás persoas maiores e en risco de exclusión e o aumento das axudas aos colectivos máis desfavorecidos e para libros e comedores.
"Sabemos que veñen tempos difíciles e temos que prestar coberturas ás persoas con menos recursos", salientou a edil do BNG, quen destacou así mesmo que os orzamentos do 2009 servirán para facer de Vigo unha cidade "máis integradora, máis solidaria e máis acolledora". María Méndez precisou que, sen ter en conta o previsible incremento do capítulo 1 (destinado a persoal) nen as achegas doutras administracións, o orzamento de Benestar Social ascende a 5.851.000 euros.
Fuente: Ayuntamiento de Vigo
|