A exposición O MEDIO É O MUSEO, producida conxuntamente polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e o Koldo Mitxelena Kulturunea (San Sebastián), acaba de ser seleccionada entre as dez mellores exposicións do ano 2008 en España, segundo o balance que cada ano por estas datas publica a revista EL CULTURAL. O xurado, composto por 10 críticos de arte, destaca que a mostra ‘exploraba, dende un prisma claramente postconceptual, as posibilidades da institución máis aló da súa condición de contedor de obras de arte’.
Por vez terceira, o MARCO aparece entre as institucións destacadas polo plantel de críticos de EL CULTURAL, xa que entre as 10 mellores exposicións do pasado ano 2007 figuraba a exposición conmemorativa do quinto aniversario do museo vigués, TEMPO AO TEMPO/TAKING TIME. No ano 2004 foi a exposición THE LAST PICTURE SHOW a que ocupou un lugar relevante na selección, que anualmente trata de analizar e valorar a oferta expositiva dos espazos artísticos españois.
Fuente: Ayuntamiento de Vigo
|